Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

O pasado 27 de novembro apagábase a luz da vida para Lucía Iglesias da Cunha, profesora da USC desde os anos noventa do pasado século. O seu doutorado, en 1998, cunha tese intitulada A educación ambiental na Administración Pública Local: dez estudos de caso en Galicia, situaríase na vangarda da investigación educativa, abrindo unha liña de traballo de amplas avenidas pedagóxicas e sociais en Galicia, prolongada en Latinoamérica e nas paisaxes da lusofonía. Coa tenacidade intelectual e cívica que a caracterizaba, participou activamente, entre moitas outras iniciativas, na elaboración da Estratexia Galega de Educación Ambiental (2000), nos plans cidadás para a implantación e o desenvolvemento da Axenda 21 Local para a sustentabilidade (2009) e no proxecto USC en transición (2010-2012). Sendo promotora da Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA), asumiría a súa presidencia entre 2006 e 2013. Nos últimos anos asociaba o seu quefacer investigador á educación no afrontamento do cambio climático no proxecto Resclima, liderado polo profesor Pablo Meira, sendo —xunto coa profesora Rita Gradaílle— investigadora principal no denominado Educar a tiempo ante la emergencia climática y la transición socioecológica: realidades y desafíos para la educación en contextos escolares y sociales (financiado no Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación, período 2023-2026).

Filla de emigrantes, nada en São Paulo, chegaría a Galicia na súa primeira infancia, amosando unha grande sensibilidade cara as persoas e colectivos en situación de risco e vulnerabilidade. Así se reflectía nas súas aulas, ás que levaba temas e problemas nos que a educación a prol da igualdade, a equidade e a inclusión social ocuparon un lugar preferente na súa práctica docente —gozando dunha especial estima por parte do alumnado— en varias materias dos graos e posgraos en Educación Social e Pedagoxía.

Comprometida coa xestión universitaria, sempre na USC, ademais de ser unha colaboradora infatigable en numerosas comisións e actividades promovidas na Facultade de Ciencias da Educación e nos departamentos aos que estivo adscrita, co-dirixiu coa profesora Elisa Jato o máster universitario de Axentes da Igualdade de Oportunidades: Xénero e Educación Social (2000-2002); entre 1997-2002 sería a secretaria académica da Facultade de Ciencias da Educación; tamén asumiu a dirección da Escola Infantil Breogán sendo reitor o profesor Juan Viaño. Recentemente, xunto co profesor Antón Costa, coordinou a exposición A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021) no Pazo de Fonseca, agora na Facultade de Formación do Profesorado no campus de Lugo.

Imposible, en todo caso, expresar en poucas palabras o moito que representou Lucía para quen tivemos o privilexio de compartir con ela, durante mais de tres décadas, os seus modos de ser e facer universitarios: cordiais, xenerosos, calmos, colaborativos, conciliadores, respectuosos, rigorosos, tenros... Da súa humanidade cívica e pedagóxica temos infindas testemuñas quen —como ela, desde os seus inicios— formamos parte do grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da USC, ao que se entregou en corpo e alma. Cando conmemoramos os 25 anos da súa creación, que tanto a ilusionaba, sempre estará entre nós e con nós, amable e amigablemente, alentándonos cos seus inesquecibles sorrisos e ollares.

 

José Antonio Caride é catedrático de Pedagoxía Social da USC

publicado orixinalmente en La Voz de Galicia