A nosa historia

Grupo de Investigación SEPA

Presentación

O Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea), GI-1447 no Catálogo de Grupos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) está dirixido polo prof. Dr. José Antonio Caride Gómez, Catedrático de Pedagoxía Social na USC. Este equipo, creado no ano 2000 (coa elaboración do novo catálogo de Grupos de Investigación da USC), está adscrito ao Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e ten a súa sede na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida). Na súa estrutura intégrase persoal docente e investigador da USC nos seus campus de Santiago de Compostela e Lugo, contanto cunha ampla nómina de PDI colaborador de distintas Universidades españolas e doutros países, ademais de profesionais, investigadores, etc. 

O Grupo SEPA-interea ten recoñecida a súa traxectoria investigadora como Grupo de Referencia Competitiva (GRC) na área de Ciencias Sociais e Xurídicas no Sistema Universitario Galego, contando co financiamento da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Forma parte de diversas Sociedades e Redes de Investigación que integran múltiples investigadores de diversas universidades do panorama nacional e internacional, vencellando as súas actuacións científicas e académicas co nacente Campus da Cidadanía da universidade compostelá.

 

 

Obxectivos

O Grupo de Investigación SEPA-interea (GI-1447) pretende contribuír a situar a Pedagoxía Social e a Educación Ambiental como ámbitos de coñecemento relevantes para as Ciencias Sociais e Humanas e, máis concretamente, para as Ciencias da Educación, desenvolvendo unha actividade científico-académica comprometida e innovadora que dialogue con diversos axentes sociais e institucionais. Un quefacer que invoca novos modos de educar e de educarse en sociedade, propoñendo estratexias que sexan de utilidade para as persoas, contribuíndo a mellorar o seu benestar e calidade de vida.

A tal fin, o Grupo SEPA-interea proponse como obxectivos fundamentais:

  • Incentivar e apoiar a creación, desenvolvemento e transferencia do coñecemento científico nos ámbitos da Pedagoxía Social e da Educación Ambiental.
  • Desenvolver proxectos e contratos de colaboración académica e científica (formación, investigación, innovación, etc.) con diversas entidades, colectivos e institucións educativas e sociais, desde as realidades locais ata as internacionais.
  • Actuar como plataforma de produción e difusión de coñecementos entre as comunidades docentes e investigadoras en diferentes contextos, territorios e realidades sociais.
  • Contribuír á formación de persoal docente e investigador, así como dos profesionais da Pedagoxía Social e da Educación Ambiental.
  • Alentar e apoiar a realización de traballos de investigación con diferentes perfís e achegas (Teses de Mestrado e Doutoramento, Informes de avaliación e asesoría, etc.).

 

Liñas de investigación

O grupo de investigación SEPA-interea conta cunha dilatada traxectoria no eido da Pedagoxía Social e da Educación Ambiental. Neste sentido, a súa actividade científica e académica, e as liñas de I+D+i nas que participa perseguen unha dobre e complementaria misión: dunha banda, contribuír ao logro dun mellor e maior desenvolvemento da investigación educativa en e para a sociedade e, doutra, promover novas lecturas sobre a investigación e a innovación educativa e as súas potencialidades para dar resposta ás necesidades e demandas encamiñadas a mellorar a calidade da educación e o benestar das persoas en diferentes contextos e realidades.

Neste sentido, ven concretando as súas achegas (proxectos, publicacións, etc.) nas seguintes liñas de investigación:

  • Pedagoxía social, educación para a cidadanía e dereitos humanos.
  • Educación ambiental, cultura da sustentabilidade e alfabetización climática.
  • Educación e desenvolvemento comunitario.
  • Educación, xénero e equidade social.
  • Tempos educativos e sociais, pedagoxía do lecer.
  • Análise do sistema educativo de Galicia: perspectivas histórica e social.
  • Políticas e acción socioeducativa na Administración Local: educación, cultura, deporte e servizos sociais.
  • Animación sociocultural e comunidades de aprendizaxe.
  • Formación e profesionalización en educación social.