Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

A exposición 'A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021)'  busca salientar o valor patrimonial e histórico, de memoria e de coñecemento do movemento pedagóxico internacional da Nova Educación, desenvolvido por parte de profesionais da educación, a medicina, a hixiene e a psicoloxía durante as catro primeiras décadas do século XX, en particular mediante as iniciativas da Liga Internacional da Educación Nova (LIEN).

A súa inauguración, realizada este mércores 20 de setembro ás 12.00 horas no Colexio de Fonseca, abre un período expositivo que se estende ata o 27 de outubro e que permitirá coñecer como as orientacións, propostas e iniciativas deste movemento marcaron o posterior desenvolvemento da educación a escala internacional ata a actualidade. No acto inaugural interviron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo; a investigadora do grupo SEPA-Interea, Belén Caballo; e Antón Costa Rico e Lucía Iglesias da Cunha, comisarios da mostra. O profesor Costa Rico foi o encargado de realizar un minucioso percorrido polas sete seccións que integran a mostra.  

Múltiples expresións do día a día dos centros escolares nos nosos contextos atopan valiosas fundamentacións e antecedentes nas formulacións e nas prácticas educativas renovadoras ensaiadas e examinadas con intensidade en diversos contextos europeos e americanos, en particular ao longo das primeiras catro décadas do século XX. Nelas figuran nomes tan significados como os de Ferrière, Decroly, María Montessori, Rosa Sensat, Freinet, Dewey, Claparède, Bovet, Piaget… ou os de Luzuriaga, Barnés, Galí e o  de María Barbeito.

A ampla exposición bibliográfica e gráfica, articulada en sete seccións, quere favorecer un achegamento sensible a algúns dos textos, experiencias e imaxes relacionadas coa Nova Educación. As actividades académicas que a acompañan, unha conferencia e unha mesa redonda, pretenden enriquecer o coñecemento sobre os principios, ideas e realizacións da Nova Educación, e sinalar algúns dos ecos e experiencias promovidas por educadoras/es galegas/os en sintonía co movemento. O libro-catálogo editado está disponible no seguinte enlace.

Fuente: Santi Alvite

De xeito paralelo á mostra, desenvolveranse varias actividades: a conferencia “Entre la memoria personal de una niña y la memoria pedagógica de un País: Decroly en España (1907-1970)”, que será impartida pola profesora da Universidad de Alcalá y Presidenta de la Sociedad Española de Historia de la Educación Mª del Mar del Pozo Andrés no Consello da Cultura Galega, o 3 de outubro ás 18.00 horas; a mesa redonda 'A renovación da educación no horizonte: vidas de educadoras/es e construción social', coordinada polas profesoras da USC Laura Varela e Carmen Morán, que terá lugar o 18 de outubro ás 17.30 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur e  contará coas intervencións da profesora Mariló Candedo e dos profesores Uxío Otero e Xosé Manuel Cid; e a presentación dun novo título da colección “Biblioteca de Pedagoxía” de Kalandraka editora: Codinola, E., Visalberghi, A. (2023): As escolas novas e os seus problemas, na sala de xuntas da mesma Facultade no día 25 de outubro ás 17.30 horas.

A exposición será ocasión de diversas visitas guiadas.