Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

O grupo SEPA-interea no VII Congreso Internacional de Educacição Ambiental dos Países e Comunidades de Lingua Portuguesa e Galiza

Mozambique acolleu na semana do 4 ao 7 de xullo o VII Congreso Internacional de Educação Ambiental dos Países e Comunidades de Lingua Portuguesa e Galiza (http://www.ealusofono.org/), no que o equipo de investigación SEPA-interea, a través do Proxecto Resclima e da súa pertenza á Rede Lusófona de Educação Ambiental (RedeLuso), tivo unha presenza notable, con contribucións ao programa en varias seccións do mesmo. Este congreso ten lugar bienalmente desde a celebración do primeiro en Compostela no ano 2007, da man organizadora do CEIDA, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña. Este evento convoca a institucións e colectivos sociais dos países de lingua portuguesa -Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Portugal, Santo Tomé e Príncipe, Timor Leste- e Galicia para compartir e impulsar as súas iniciativas no campo da Educación Ambiental. A participación combina a presenza de axentes institucionais ligados aos Ministerios, Secretarías e/ou Consellerías de Medio Ambiente e Educación dos países participantes, de organizacións non gobernamentais ligadas á conservación da natureza e ao ecoloxismo, así como a universidades e organismos de investigación activas no campo da Educación Ambiental. O lema desta edición foi “A Educação Ambiental a chave para a sustentabilidade”, convocando o evento a máis de cincocentas persoas.

O grupo SEPA-interea participante, ademais de formar parte da Comisión Científica do Congreso Internacional, presentou seis comunicacións, participou nun panel do programa e ofreceu un minicurso. Cabe destacar a contribución de Pablo Meira no panel sobre Educaçao Ambiental perante os limites planetários e os desafios globais, na que puido advertir “Sobre os límites como tabú no campo da Educación Ambiental” e colocar o desafío de pensar unha educación ambiental para o decrecemento sustentable. No bloque de comunicacións concentráronse a maioría no Eixo temático 2 do congreso -«Educación Ambiental e Cidadanía»- con contribucións sobre “O movemento Fridays for Future en Galicia. Determinantes do seu apoxeo e decaemento” (María Barba Núñez -ECIGAL. Universidade da Coruña-, Lucía Iglesias da Cunha, Pablo Meira e Miguel Pardellas), “Explorando futuros sostibles. Unha experiencia educativa interxeracional sobre emerxencia climática” (Lucía Iglesias, Pablo Meira e Miguel Pardellas), “Onde acceden os estudantes galegos de educación secundaria á información sobre a emerxencia climática?” (Antonio García-Vinuesa e Pablo Meira), “A dimensión socioeducativa da Agroecoloxía: achegas das iniciativas agroecolóxicas para a Educación Ambiental dende a ecocidadanía e a cultura da sustentabilidade” (Kylyan Bisquert) e “Estratexias de formación e participación da mocidade na loita contra o cambio climático: caso ASPEA (Joaquim Ramos Pinto -ASPEA- e Germán Vargas -USC-). Tendo ademais unha contribución no Eixo temático 3 -«Educação Ambiental, Limites Planetários e Desafios Globais»- co traballo “Afrontar a emerxencia climática: Unha experiencia de investigación-acción na educación secundaria” (Germán Vargas e Carmen Morán). A estas presentacións sumouse a organización dun Minicurso sobre «Descolonización e diálogo de saberes en Educación Ambiental», impartido por Germán Vargas Callejas.

O grupo de investigación SEPA-interea está fortemente implicado desde os inicios desta proposta congresual na dinamización da Rede Lusófona de Educação Ambiental (RedeLuso), que lle dá soporte e identidade (https://redeluso.blogspot.com/). Neste momento avanza un paso máis e vincula a dous dos seus membros (Kylyan Marc Bisquert i Pérez -Coordinador da Comisión Científica da presente edición- e Lucía Iglesias da Cunha) como representantes de Galicia na coordinación da rede, para promover e intensificar a colaboración cos axentes da Educación Ambiental que actúan nas comunidades de lingua portuguesa, impulsando iniciativas encamiñadas a instituír políticas públicas de Educación Ambiental adaptadas ás particularidades e necesidades dos diferentes contextos para atender as emerxencias socio-ambientais que enfronta a humanidade. O próximo congreso da RedeLuso terá lugar en Brasil no ano 2025.

 

 

Congresistas galegas no VII Congreso Internacional dos Países de Lingua Portuguesa e Galicia, Maputo, 2023. De esquerda a dereita: Arriba, Marilia Torales, Lucía Iglesias, Germán Vargas, Carmen Morán, Eva López, Kylyan Bisquert. Abaixo, Sonia López, Pablo Meira.