Grupo de Investigación SEPA

M.ª Teresa Sánchez Castaño

M.ª Teresa Sánchez Castaño

Profesora Titular de Universidade

M.ª Teresa Sánchez Castaño é Doutora en Psicoloxía pola USC e Máster en Logopedia pola mesma Universidade. Vinculada como docente a esta institución desde 1996 como profesora asociada, titular de Escola Universitaria (1998) e desde o ano 2001 como profesora titular de universidade do Depto. de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, ocupouse da docencia de materias da área nas titulacións de Psicoloxía, Pedagoxía, Educación Social e Mestre/a de Educación Infantil e Primaria das Facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación da USC. Tamén impartiu aulas en titulacións de cursos de doutoramento e máster especializados en temas de educación para a saúde, familia, calidade educativa e xénero. Implicouse en labores de xestión académica, sendo secretaria do Departamento ao que pertence, coordinadora de curso e titulación no grao de Mestre/a de Educación Infantil, membro de diferentes comisións, incluíndo varias relativas a modificacións de plans de estudo. Foi codirectora do máster propio en Ciencias da Familia da USC e os seus cursos derivados, edicións nacional e internacional. Actualmente ocupa a dirección da Unidade de Atención Educativa ás Altas Capacidades pertencente á devandita institución e é autora do coñecemento técnico transferido á spin off da USC “Latento Altas Capacidades”.

Formou parte de grupos de investigación multidisciplinar que traballan sobre temáticas vinculadas coa infancia e a adolescencia, a educación familiar, as altas capacidades, o tratamento dos trastornos da alimentación nesas poboacións, a detección, prevención e intervención en trastornos de personalidade, o papel do coidador e as boas prácticas en educación. Tamén elaborou, participau e coordinou programas educativos institucionais na súa comunidade autónoma sobre a educación integral da infancia (“Programa En Familia”), a aprendizaxe de linguas (“Programa Edal”), a atención ás altas capacidades e o desenvolvemento do talento (“Proxecto Piteas”). Foi autora e coordinadora de obras de carácter divulgativo dirixidas ás familias (“Colección Titor Hércules”), e da súa implicación en grupos de investigación deriváronse intervencións en cursos, congresos e publicacións en libros e revistas científicas. Forma parte do consello de redacción de varias revistas vinculadas ao desenvolvemento e a educación e de comités organizadores e científicos de congresos sobre as devanditas temáticas.