Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

Desde 1948, cada 10 de decembro temos motivos para celebrar a aprobación nas Nacións Unidas da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (DUDH). No seu preámbulo, afirmando a fe nos principios políticos, xurídicos e morais que invocan a dignidade en nome da paz, a liberdade, a xustiza ou a igualdade, a comunidade internacional comprometíase —en 30 artigos e apenas 2.000 palabras— a evitar os horrores da guerra ás xeracións vindeiras, liberándonos do temor e a miseria, da tiranía e a opresión.

Recoñecendo que somos seres dotados de razón e conciencia, con capacidade para relacionarnos fraternalmente os uns cos outros, a declaración atribúe á educación unha misión inequívoca: procurar o pleno desenvolvemento da condición humana, da comprensión e a tolerancia, do respecto e a amizade entre os pobos, como valores principais cos que fundamentar —e alentar— a democracia e a convivencia.

Cando a DUDH cumpre 75 anos, as intencións prevalecen sobre a realidade dos feitos. Admitindo que moitas daquelas están reflectidas nas convencións, nos pactos e cumios internacionais, mesmo nos textos constituíntes dos Estados, acotío constátase o seu reiterado incumprimento, perpetuando o desasosego e o sufrimento inducidos pola fame e a pobreza crónicas, as desigualdades sociais, o racismo e a xenofobia, a represión e persecución políticas, as migracións forzadas, as violencias e os conflitos de calquera índole. Hoxe, como nunca antes, están amplificadas polo deterioro ambiental e os riscos que comporta, sobre todo para as persoas e os colectivos mais vulnerables.

Se fai sete décadas era difícil anticipar a gravidade dos seus impactos nos dereitos e deberes humanos, como tamén o era prever a intensa pegada da actividade humana na natureza á que pertencemos, na actualidade constitúen prioridades ineludibles da gobernanza planetaria, local e global, incidindo en accións tan relevantes como a preservación da biodiversidade, a saúde dos ecosistemas ou o afrontamento da emerxencia climática. Lonxe do que suxiren as evidencias científicas e as voces que reivindican un desenvolvemento alternativo, agrándase a fenda existente entre o desexable e o que acontece cada día, cuestionando a viabilidade das «promesas» contidas nos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (2016-2030) na súa aspiración a un mellor futuro para todos. Os datos e as estimacións dispoñibles en 2023 presentan un panorama desolador.

Neste escenario, educar participando das obrigas contraídas cos dereitos humanos, reconciliándonos coa Terra que nos acolle, xa non é unha opción fiada á vontade implícita do que cada quen pode facer para darlle sentido á súa propia vida. Sen obviar este propósito, trátase de acadar a coherencia ética e cívica que require construír un mundo mais habitable e sostible, equitativo, xusto, pacífico... Unha tarefa á que non pode ser allea a educación para a cidadanía e os dereitos humanos como proxecto-traxecto de amplos horizontes pedagóxicos e sociais, nas escolas e na sociedade.

 

José Antonio Caride
Catefrático de Pedagoxía Social da USC