Creatividad Colectiva y Educación Comunitaria en la Alfabetización Cinematográfica para un Turismo de Acción por el Clima

Erasmus+, 2020-1-ES01-KA227-SCH-096314, Europa, proyecto, usc,

Código de referencia: 2020-1-ES01-KA227-SCH-096314

Convocatoria: Programa Erasmus+

Entidade financeira: European Union Grant

Coordinador: Prof. Dr. José Antonio Caride Gómez (SEPA-interea, USC)

Socios colaboradores: IES Villa de Firgas (España), Alma Master Studiorum-Universita di Bologna (Italia), Instituto Español Giner de los Ríos de Lisboa (Portugal), XXVI Liceum Ogolnoksztalcace (Polonia), Universidade de Aveiro (Portugal).

EDUCinema Clima TourAction focalízase no cinema como recurso pedagóxico-social na acción polo clima mediante a alfabetización cinematográfica de estudantes de entre 15-17 anos, que crearán unha película de cinema musical con escenarios en diferentes países e contextos de interese de turismo verde. Neste contexto, o cinema musical escolar será unha ferramentas de sensibilización para atraer e comprometer aos turistas en accións polo clima nas súas estancias turísticas en territorios que se buscan para escapar dos impactos do cambio climático e das pandemias. A alfabetización cinematográfica para un turismo verde de acción polo clima pon a énfase nunha dobre perspectiva de reflexión e acción pedagóxica-social, cun enfoque interxeracional, ambiental, escolar e social, cívico e comunitario. Este contexto amplía as potencialidades inherentes á creatividade colectiva centrada na acción polo clima (ODS13), e o protagonismo das aprendizaxes ao longo de toda a vida ( ODS4).

Os seus obxectivos xerais e específicos conflúen na finalidade de promover a alfabetización cinematográfica para a promoción de boas prácticas de Educación Ambiental, que, ademais de contribuír ao fomento de valores, actitudes, comportamentos, etc. ecolóxica e socialmente responsables, favorezan a atracción de persoas (visitantes, turistas, etc.) que sentan partícipes de actividades e/ou accións polo clima en destinos turísticos. Unha liña de actuación que, nas actuais circunstancias, co impacto causado pola pandemia da COVID-19, constitúe un desafío que dá resposta a necesidades e/ou demandas vinculadas á mellora da socialización, o coidado da saúde física e emocional, a protección do emprego en distintos sectores económicos (visita a paisaxes, turismo patrimonial, ecolóxico urbano e rural, cultural, gastronomía, viaxes e operadores turísticos,

etc.). Isto é especialmente relevante en rexións como Galicia, Lisboa, Emilia Romaña, Gdansk, ou ben as Illas Canarias, onde o turismo xoga un papel importante a nivel socio-económico. A descrición xeral das súas actividades conflúe en modelo metodolóxico STE(A)M: aprender e ensinar aprendendo, neste caso desenvolvendo contidos científicos para a Acción polo Clima do informe IPCC do 24 de setembro de 2019 en todas as contornas oceánicas europeos.

Os piares fundamentais das súas prácticas pedagóxicas céntranse nas artes escénicas, e, singularmente, o cinema e os recursos audiovisuais: informar, sensibilizar e concienciar á poboación comezando pola infancia e a adolescenciasobre os impactos ambientais provocados polo cambio climático e o elevado risco que teñen de incrementarse nas rexións que no último verán resultaron especialmente atractivas para o turismo polos beneficios que teñen os seus baixos riscos de ondas de calor e de contaxio da Covid-19.

A metodoloxía inscríbese na liña pedagóxica e curricular que, cun enfoque transversal e interdisciplinar, toma como referencia o Ecoturismo de Acción polo Clima. Oriéntase cara á toma de conciencia, a reflexión crítica e o aproveitamento do seu potencial nunha etapa COVID-19 e a posterior a ela. A educación ponse así a favor de oportunidades que ofrezan alternativas viables a un turismo de masas, cun lecer saudable e sostible. Unha liña de acción que subscribe os principios e recomendacións da Asociación Mundial de Lecer e Recreación (World Leisure Organization) e a Carta de Ottawa sobre Promoción da Saúde e a Declaración sobre “Lecer, Turismo e Medio Ambiente”, na que a loita contra o cambio climático ocupa un lugar destacado, o mesmo que sucede coa declaración de Incheon (2015) da Unesco.

Entre os resultados esperados destacan a alfabetización cinematográfica conseguida na creación da película musical “ ClimaTurAction”, que á súa vez integra todas as competencias clave e achega unha sólida educación ambiental na acción polo clima. Ademais, esta película e o seu guía didáctica van permitir seguir formando a outras xeracións, ofrecendo oportunidades de extensión a outras escolas e países.

Con esta perspectiva do impacto esperado, reivindícase a creatividade como un don intrinsecamente humano, ao que nada ou moi pouco dos nosos particulares modos de ser e estar no mundo resúltanlle alleos, xa sexa no traballo intelectual e/ou na xestión das emocións. Por iso nos beneficios a longo prazo destaca a oportunidade que a “creatividade colectiva” abre na dimensión educativa europea para asumir a necesidade de superar unha visión estritamente persoal, local ou nacional do acto creador. Este modelo cooperativo e innovador estimula que persoas de diferentes países da UE participen activamente dun proxecto común, agrandando os valores da convivencia e poñendo énfase nos dereitos e deberes inherentes á condición da cidadanía europea