O cambio climático (CC) é o gran reto do século XXI. Para eludir os peores escenarios que prognostica a ciencia é preciso adoptar cambios profundos nas nosas sociedades. Urxe tomar conciencia da vulnerabilidade humana diante desta ameaza, así como aceptar a maior responsabilidade das sociedades que más teñen contribuído ás emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), que contrasta coa menor capacidade das sociedades infra-desenvolvidas para responder aos efectos dun clima fora de control.
A resposta efectiva á alteración antrópica do clima é, ademais, urxente. As alarmas prendidas pola comunidade científica advirten que temos escaso tempo para reaccionar. En poucos años haberá que emprender unha gran transformación social, económica e enerxética para evitar o colapso da civilización tal e como a coñecemos.
Nesta encrucillada sorprende a lentitude coa que avanzan as políticas climáticas. O CC ocupa un lugar marxinal na area pública e dista moito de ser un tema prioritario para os tomadores de decisións ou para a poboación en xeral. O CC valórase como unha ameaza difusa, aprazada no tempo e afastada no espazo. O obxectivo fundamental dos programas educativos e de comunicación na próxima década debe ser converter o CC nun problema relevante e significativo.
O Proxecto Resclima e a REAJA naceron como un aporte a esta tarefa. No IV Seminario Internacional Resclima e no 2º Encontro da REAJA poñemos a mirada sobre o papel dos sistemas educativos, outorgando atención preferente á inclusión do CC no curriculum e na praxe educativa da educación secundaria. Neste nivel, os e as adolescentes teñen a primeira oportunidade de conectar formalmente coas ciencias do clima coa madurez necesaria para aprehender na súa complexidade os retos do CC e os cambios necesarios para transitar cara un mundo sostible e xusto.
Entendemos que una resposta ao CC que sexa eficaz e urxente dende o sistema educativo require aplicar un “curriculum de emerxencia climática” que converta esta ameaza nun compoñente central do quefacer pedagóxico en todos os niveis educativos e, principalmente, na educación secundaria.
O evento celebrarase os días 26 e 27 de outubro de 2018, en Santiago de Compostela, articulándose arredor dos seguintes eixos de reflexión:
- Representacións sociais do cambio climático no alumnado e o profesorado de educación primaria, secundaria e universitaria.
- A Educación para o cambio climático no sistema educativo universitario e non universitario.
- Comunicación do cambio climático e cidadanía.
- A educación nas políticas de cambio climático.
- Educación para o cambio climático e xustiza ambiental.