Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

 

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO DA XUNTA DE GALICIA E A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA PARA A ELABORACIÓN DUNHA INVESTIGACIÓN DIAGNÓSTICO-AVALIATIVA E PROSPECTIVA SOBRE A FORMACIÓN E A PROFESIONALIZACIÓN NA ACCIÓN CULTURAL PÚBLICA EN GALICIA

Contando co financiamento da Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, mediante convenio subscrito pola súa Consellería de Cultura e Turismo e a Universidade de Santiago de Compostela, o Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) liderará a o desenvolvemento dunha investigación diagnóstico-formativa e prospectiva sobre a formación e a profesionalización na acción cultural pública en Galicia. Unha iniciativa na que se toman en consideración as propostas e liñas de actuación compartida de distintos membros do grupo SEPA-interea e a asociación dos técnicos de educación e cultura que integran máis de cen profesionais que realizan este labor nos concellos galegos.

 

O estudo propiciará o coñecemento do amplo e diversificado conxunto de circunstancias que concorren nos perfís formativos, profesionais e sociolaborais en distintos contextos e realidades da acción cultural pública, fundamentalmente no ámbito das Administracións Locais de Galicia.

 

Para este fin constituírase un equipo formado por PDI´s das tres Universidades galegas con docencia e investigación nos Campus de Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra. Este equipo, dirixido polo profesor José Antonio Caride, Catedrático de Pedagoxía Social na USC, máis aló de dar continuidade a un estudio avaliativo realizado no período 2006-2007 e ás actuacións promovidas no proxecto interea (iniciativas e recursos educativos e culturais no territorio para a acción local), situará os seus principais obxectivos na avaliación das necesidades formativas e profesionais da acción/xestión sociocultural nas comunidades locais, achegando unha visión comparada e prospectiva das súa realidades noutros contextos. E, moi especialmente, coa decidida vontade de achegar criterios, propostas, liñas de actuación para a súa optimización no futuro, coa mirada posta no ano 2030.

 

Neste sentido, a investigación susténtase nun deseño metodológico mixto, cuantitativo-cualitativo, coa finalidade de obter informacións que posibiliten: Analizar as realidades da formación e profesionalización na acción cultural pública en Galicia en clave pasado-presente, poñendo a énfase nas súas realidades locais; Realizar achegas sobre o estado da cuestión noutras Comunidades Autónomas e países da contorna europea (comparativa); analizar os marcos normativo-lexislativos, académicos e profesionais que regulamentan e/ou orientan os procesos de contratación laboral, as funcións e tarefas, os procesos de inserción da formación á profesión, etc.; propor liñas de actuación, con recomendacións e suxestións que orienten a toma das decisións que poidan adoptarse no futuro para a mellora do rol profesional e sociolaboral destes profesionais.