Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

O pasado 26 e 27 de novembro de 2018 a Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida, USC) acolleu unhas “Xornadas de Experiencias Culturais” baixo o título de “Políticas Culturais, Animación Sociocultural e Xestión Cultural, miradas dende a Educación Social”, que foron organizadas polo alumnado da materia de Educación Social nas Políticas Culturais 2018-2019 e contaron coa colaboración da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade e do Grupo de Investigación SEPA-interea.

Tiña como obxectivos:

  • Reflexionar sobre o papel da Educación Social no desenvolvemento das políticas culturais promovidas dende os diferentes niveis da administración pública, con especial énfase no eido local.
  • Analizar modelos de políticas culturais e as súas implicacións no desenvolvemento das comunidades.
  • Repensar o papel da animación sociocultural e da xestión cultural no marco das políticas culturais.
  • Promover a reflexión sobre o perfil profesional do Educador/a Social no sector da cultura.
  • Dar a coñecer experiencias prácticas de proxectos de sociocultura.
  • Favorecer o coñecemento de ferramentas e metodoloxías para a acción no ámbito da sociocultura.

 

O luns 26 ás 16:00 h. desenvolveuse o acto de inauguración da xornada coa presencia da secretaria do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e do director do Grupo de Investigación SEPA-interea.

A continuación tivo lugar unha conversa de dous, co título “Políticas culturais en Galicia; onde estamos?, cara onde imos?”, na que participaron José Antonio Caride Gómez (Profesor Catedrático da USC) e Iván García García (Animador Sociocultural, Profesor da USC).

Esta xornada rematou cunha mesa redonda sobre “Políticas culturais no ámbito local (4 provincias, 4 concellos de entidades de poboación distintas, 4 opcións políticas)", coa participación de Suso Amado Reino (Técnico de programación e xestión cultural do Concello de Santiago de Compostela), María del Pilar López Pérez (Técnica de cultura do Concello de Foz), Carmen Vidal López (Técnica de cultura do Concello de Allariz) e Sara Blanco Gil (Técnica de cultura de Concello de Silleda).

Ao longo da tarde poidemos desfrutar dos recitais de Cinthia Romero e Julia Rosa. O remate do día púxoo Nerea Fernández coas súas cancións.

O martes 27 en horario de mañá iniciouse a xornada cunha mesa redonda sobre o “O perfil profesional do Educador/a Social no sector cultural” na que interviron: M. Carmen Morán de Castro (Profesora Dra. USC), Ramón Molina Gómez (Arelar Xestión Socioeducativa S.L.) -Educador Social no Sector Privado-, Fernando R. Lavandeira Suárez (Coordinador da Área de Cultura, Xuventude, Educación e Normalización do Concello de Rianxo) -Educador Social no Sector Público- e Xulio Vázquez Conce -Educador Social con experiencia en xestión cultural-.

En horario de tarde desenvolvéronse dúas mesas redondas. A primeira, sobre “Experiencias prácticas de proxectos de sociocultura”, coa participación de Florinda Vaamonde Romero (Técnica de animación sociocultural do Concello de Arteixo), que presentou proxectos sobre “Persoas maiores e interxeracionalidade”, María Rial Fernández (Educadora Social de Amarai), con proxectos con “Persoas con diversidade funcional”, Leonardo Pena Couceiro (Mediador social-intercultural do Concello de Ames), sobre accións no eido da “Diversidade cultural”, e Mar Bóveda López (Educadora Social de Caixal, proxectos culturais), acerca de proxectos prácticos sobre “Identidade e patrimonio”. A segunda mesa tratou de poñer en valor diferentes experiencias e reflexións de “Ferramentas e metodoloxías para a acción”. Nela interviron Ana Lorenzo Vila (Cidadanía) que falou de “Orzamentos participativos no eido da cultura”, un representante do C.S.A. do Sar que falou sobre “Autoxestión” e pechou a profesora Belén Caballo analizando a perspectiva do traballo transversal en clave sociocultural e de desenvolvemento comunitario.

As actividades allternativas deste día encheron de frescura a xornada. Pola mañá, abriu o encontro a cantante Alba Caamaño, e pola tarde, a cantante Cristina Eiró. O punto é final ás xornadas púxoo unha sesión de “Gastro-cultura” na que o alumnado aportou produtos representativos dos seus lugares de orixe e, logo de presentalos, procedeuse a unha degustación dos mesmos no marco dun ambiente informal e de conversa.

Outro punto forte destas xornadas foi a elaboración e mostra dunha “Exposición de Experiencias Culturais”, de proxectos desenvolvidos nos concellos de orixe do alumnado da materia de Educación Social nas Políticas Culturais. Unha exposición formada por 24 experiencias doutros tantos municipios galegos. Ademais de visitas libres, organizáronse tres visitas para grupos de alumnado de Educación Social.

Se atendemos aos resultados, ao nivel de participación, ás reflexións e conclusións ás que se chegaron ao longo do desenvolvemento das xornadas, podemos dicir que se teñen acadado os obxectivos propostos.

 

(Alumnado da materia Educación Social nas Políticas Culturais, Grao en Educación Social, curso 2018-2019)