O proxecto ‘ Descarboniza! Que non é pouco…’ do Grupo de investigación SEPA de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC e do Concello de Santiago acadou este ano unha axuda da Fundación Biodiversidade. A esta convocatoria de proxectos, a máis relevante en materia de adaptación ao Cambio Climático, presentáronse máis de 400 propostas, das que unicamente 51 foron beneficiarias finais.
https://www.facebook.com/descarboniza/
Despois dunha proba piloto entre febreiro e xuño de 2017 e unha actuación continuada durante o curso 2017-2018, ‘Descarboniza! Que non é pouco…’ continuará a súa andaina no vindeiro curso, no que formarán en cambio climático ao persoal que traballa nos centros socioculturais para que poidan desenvolver a metodoloxía de traballo coas persoas usuarias dos centros. Ademais, o programa reforza a idea de traballar co público adulto, nomeadamente coa terceira idade, buscando un papel activo destes sectores na loita contra o cambio climático e a posta en marcha de actividades interxeneracionais coa mocidade.
Segundo explicaron esta mañá en rolda de prensa o responsable do proxecto, o profesor da USC Miguel Pardellas, e o concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, Xan Duro, este curso que vén ábrese ademais unha liña de traballo conxunto co Concello de Donostia, que reproducirá o proxecto na busca de resultados contrastados que permitan a súa expansión.
Loita contra o cambio climático
No curso 2017-2018 traballouse en cinco centros cívicos, con grupos de persoas usuarias. Así, en Busto era un grupo de 12 mulleres, no Castiñeiriño 12 artellouse un de memoria de 12 persoas, en Conxo un de 14 xóvenes, en Lavacolla 12 mulleres, e en Vite un de 8 adultos.
A intervención educativa, consistente en seis sesións dunha hora aproxima, deu como resultado a organización de varias actividades que buscaban ligar a cotidianiedade das participantes co cambio climático. Deste xeito, organizáronse paseos pola contorna para coñecer a evolución dos barrios ou obradoiros de cociña e conservas como accións máis significativas.
A todas estas actividades hai que sumarlle a realización do concerto-coloquio con Sés, celebrado a finais de marzo, que permitiu achegar o proxecto e as súas claves ás máis de 400 persoas asistentes (e outras tantas a través do streaming).
http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2018_07/noticia_0036.html