Novas de interese

Grupo de Investigación SEPA

No marco da materia "Políticas Socioeducativas e Dereitos Humanos" do primeiro curso do Grao en Pedagoxía, están programadas dúas actividades académicas na Universidade de Santiago de Compostela para os días 7 e 14 de maio de 2024. O obxectivo principal destas actividades é reflexionar sobre a concreción dos Dereitos Humanos a través de figuras profesionais, proxectos e iniciativas no ámbito socioeducativo e universitario.

O CEPLI xunto coa Rede Internacional de Universidades Lectoras (RIUL), a Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social (SIPS) e os grupos de investigación Psicoloxía, Educación e Lectura (PEL) da Universidade de Castela-A Mancha, Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da Universidade de Santiago de Compostela e Educación Literaria, Cultura e Sociedade (ELCIS) da Universidade de Valencia crearon os Premios de Investigación Lectura e Educación Social. Trátase dunha estratexia destinada a fomentar e recoñecer os traballos de investigación que aborden, de forma explícita, a lectura en Educación Social mediante a concesión de dous premios:

1) o que se outorgará aos estudantes que realizasen o seu TFG nunha Universidade española, sobre o tema que motiva a convocatoria

2) o que se outorgará, sobre esta temática, a un artigo de investigación publicado nunha revista española indexada cun índice de calidade.

O 4 de maio celebraráse no estadio Verónica Boquete de Santiago de Compostela o I Torneo Tuxeieires de rugby inclusivo, coa participación de 6 equipos. O programa da xornada pódese consultar nesta ligazón
 
Tuxeleires é un proxecto da Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco. A intencionalidade deste proxecto é ofertar un espacio de participación inclusiva plena, e para iso, emprega o rugby como ferramenta habilitadora deste espacio inclusivo. Na equipa participan persoas con e sen discapacidade, homes e mulleres; toda persoa é benvida.
 
As actividades están dirixidas para que a participación sexa plena, contando cos apoios necesarios e promovendo a implicación de toda a xente. A toma de decisións é o eixo para que o aprendido no rugby poida servir na vida, promovendo sempre a autonomía persoal das persoas participantes.

Xunto ao Grupo de Investigación Esculca, impulsamos en Compostela unha conferencia co título "As Escolas do Insiño Galego: centenario da primeira incorporación do galego ao ensino (1923-2023)”, seguida da proxección do documental "Aprender na língua própria. Das Escolas de Ensino Galego à Semente", que foi elaborado recentemente por ese proxecto educativo para conmemorar a efeméride.

O sábado 27 de abril das 9:00 às 13:30h terán lugar no Edificio CERSIA (Rúa Alcalde Raimundo López. en Santiago de Compostela) as I Xornadas de Traballo Social Educativo que, baixo o lema "A peza que falta!", analizará a situación socioeducativa nos centros escolares. A nosa compañeira Diana Escobar moderará a mesa "Análise da situación social no sistema educativo en Galicia".

O proxecto Erasmus+ ‘EduCinema’ liderado pola Universidade de Santiago vén de ser recoñecido como modelo de boas prácticas na Unión Europea. O recoñecemento chega á par que a valoración como ‘moi bo’ do programa, con 92 puntos nunha escala de 100, do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), encargado de xestionar os programas internacionais Erasmus.