Grupo de Investigación SEPA

Francisco Xosé Candia Durán

Francisco Xosé Candia Durán

Profesor Colaborador

Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación (Sección de Pedagoxía) pola Universidade de Santiago de Compostela, con Premio Fin de Carreira (1993). Acada a Suficiencia Investigadora no Departamento de Teoría e Historia da Educación da USC (1995).

Comeza a súa actividade docente universitaria, inicialmente como bolseiro de investigación (e en titulacións de educación social), na Facultade de Ciencias da Educación da USC (1995-2008) e no Departamento de Ciências Históricas e da Educação da Universidade Portucalense Infante D. Henrique (Porto) (1998-2001).

Desde 1999 é profesor na Facultade de Formación do Profesorado (Campus de Lugo, USC), centro desde onde veu contribuíndo á formación de profesorado de educación infantil, primaria e secundaria, impartindo docencia nos eidos da Teoría da Educación, da Historia da Educación, da Pedagoxía Social e da Educación Rural, en diferentes diplomaturas, graos, mestrados e cursos de especialización, e desenvolvendo numerosas actividades de extensión cultural.

Entre outras responsabilidades académicas exercidas nesta Facultade, foi coordinador do Grao en Mestre ou Mestra de Educación Infantil (2011-2019), coordinador do Plan de Desenvolvemento Sostible (2013-2019) e coordinador da Comisión de Normalización Lingüística (2006-2025).

Orienta a súa especialización principalmente ao campo da educación en contextos rurais, aínda que tamén ten dedicado atención a outros eidos: mulleres na historia da educación, normalización lingüística no ensino, educación ambiental, pedagoxía social, renovación pedagóxica etc. Respecto de todos eles publicou contribucións diversas en monografías e revistas, e asistiu, organizou e interveu en congresos e actividades de formación.

Forma parte do grupo de investigación SEPA-interea da USC (GI-1447) desde os inicios deste (1999). A través del, tense implicado en diversos proxectos e contratos de investigación, publicacións, congresos e outras actividades de creación e difusión cultural.

En canto a revistas profesionais, foi correspondente para Galicia de “Cuadernos de Pedagogía” (1995-2000), membro do comité científico-asesor de “Interea visual” (2005-2007), revisor de “REDU. Revista de docencia universitaria” (2012-2023), e membro do consello editorial e responsable da sección “Educación no rural” da “Revista galega de educación” (desde 2005).

Resultou premiado por unha iniciativa de normalización lingüística na universidade (2011) e por un proxecto de aprendizaxe-servizo de introdución da perspectiva de xénero na docencia universitaria (2020).

Participa en diferentes sociedades académicas e ONG. É membro activo do Grupo de Traballo de Educación no Rural do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, así como da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural.

 

 

ORCID: 0000-0002-1932-5660

 

Scholar Google

Researchgate