Grupo de Investigación SEPA

Antón Costa Rico

Antón Costa Rico

Profesor Catedrático de Universidade

Catedrático de Historia da Educación en la Universidade de Santiago de Compostela. Con traxectoria docente e investigadora nos campos da política educativa e da historia da educación, con particular atención á historia educativa en Galicia. Incorporouse ao Grupo de Pedagoxía Freinet en España en 1975 e é un dos fundadores en 1983 do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, un espazo de varios centos de profesores de toda Galicia, con actividade continuada ata o presente (seminarios, cursos, publicacións, encontros), participando de modo notable ao longo do tempo. Pertence, entre outras, a Asociación Amis de Freinet e ten diversa presenza académica en Europa (Francia, Portugal, Suíza e Italia) e Iberoamérica (Brasil, Arxentina, México). Foi asesor de Cuadernos de Pedagogía desde Galicia, promovendo a publicación de diversos textos.

Impulsou a investigación histórico‒educativa con atención á Galicia, que goza actualmente dun panorama de estudos e publicacións radicalmente diferente ao existente hai 35 anos. Participa habitualmente en actividades relacionadas co desenvolvemento da cultura galega nun senso integral, incluíndo a lingua galega e coa resonancia socio‒política que do anterior se desprende.

Entre as responsabilidades de xestión e dirección institucional cabe sinalar: presidente de Nova Escola Galega (1985-1987), director do Instituto de CC. da Educación da Universidade de Santiago (1991-1994), decano da Facultade de CC. da Educación da USC (1997‒2001) e presidente da Sociedad Española de Historia de la Educación (2009-13) (SEDHE), a institución asociativa e académica que reúne aos investigadores españois no campo da Historia da Educación.

Recibiu o Premio Internacional 2014 do Centro Italiano per la Ricerca Storico Educativa (Italia), entre outros varios recoñecementos.

Entre as súas obras, nalgún caso como editor: O ensino en Galicia (1980), Escolas e mestres (1989), A reforma da educación (1906-1936) (1996), Informe sobre a situación e estado do sistema educativo en Galicia (1995; Dir. de Informe), Fray Martín Sarmiento. La educación de la niñez y de la juventud (en colaboración) (2002), Historia da educación e da cultura en Galicia (2004; 1247 pp. e obra receptora de catro premios e recoñecementos públicos), A construción do coñecemento pedagóxico. Antecedentes e desenvolvementos no século XX (2009), Luis Bello. Viaje por las escuelas de Galicia (2010), D´abord les enfants. Freinet y la educación en España (1926-1975) (2010). Impulsou a edición anotada e introducida en galego do texto de Dewey, Democracia e Educación. Autor tamén de 77 capítulos de libros, de 80 artigos académicos e de 21 prólogos de libros.